8 feb 2014

Glaciar Perito Moreno


Continuando coa viaxe pola Patagonia Arxentina, deixo atrás uns días inesquecibles en Tierra de Fuego e retorno, como se dunha viaxe no tempo se tratase, a voráxine da natureza máis impresionante.


 A vila do Calafate é a base perfecta para visitar o Parque Nacional de los Glaciares onde se atopa, a pouco máis de 70 km, o glaciar Perito Moreno. Ten un frente de aproximadamente 5 km e alcanza na súa máxima altura sobre o nivel da auga os 63 metros.


O tempo moldea caprichosas formas xeométricas que se antollan duras e grotescas que mesmo afean o grandioso espectáculo da natureza pero ao mesmo tempo moldea e esculpe curvas e formas suaves de figuras policromadas de azuis intensos.
  

O glaciar Perito Moreno está vivo, movese e respira, é fachendoso e gosta que o miren. É o cerne dunha historia sen fin onde van morrer as sereas.